Sunday 19 de May de 2024

San Sadurniño empeza a recoller as solicitudes para o campamento de verán da Deputación


A Deputación da Coruña convoca o programa de campamentos deportivos de verán deste ano, que se desenvolverá entre o 23 de xuño e o 26 de xullo en varias quendas agrupadas por municipios. A San Sadurniño tocoulle na última, do 21 ao 26 de xullo, e malia faltar aínda dous meses, é necesario ir facendo xa as solicitudes de inscrición para cumprir cos prazos que establece o ente provincial. O noso concello ten asignadas 3 prazas ás que poderá optar a rapazada de entre 9 e 14 anos. O prazo para botar a solicitude finaliza o día 8 de maio e haberá que presentala na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles efectuarase un sorteo público. En todo caso terán prioridade as rapazas e rapaces que nunca participasen no campamento.

A actividade terá lugar nas instalacións do IES Rosalía Mera, na Coruña, e ten un custe de 85€ que se deberán facer efectivos unha vez que se teña confirmada a praza, non antes. Como ocorre noutras actividades provinciais, como por exemplo a campaña de esquí, a Deputación contrata arredor de 400 prazas que logo se reparten entre todos os municipios seguindo principalmente criterios poboacionais.

Unha vez feita esta distribución, o organismo supramunicipal define un calendario con varias quendas para cada comarca, de maneira que se facilita a loxística e, ademais, tamén se consegue que a rapazada dunha área determinada participe toda xunta no campamento. San Sadurniño irá este ano dentro da derradeira quenda -entre o 21 e o 26 de xullo- xunto con outros municipios do norte da provincia, desde Mañón ata Monfero.

Durante a súa estadía, a rapazada contará cun amplo programa de propostas de lecer, que inclúe a práctica de deportes náuticos, actividades ao aire libre, unha xornada de praia, visitas culturais e etnográficas, etc. Ademais, segundo explica a Deputación, en toda a programación -sobre todo en xogos e obradoiros- introduciranse elementos “que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polas demais persoas”.

O último día para botar a solicitude na Casa da Cultura (ou a través da Sede Electrónica) é o 28 de maio. San Sadurniño dispón de 3 vacantes e se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo público o día 29 ás 12:30h na Casa do Concello. Cómpre ter en conta que, en todo caso, terán prioridade aquelas cativas e cativos que nunca participasen nun campamento provincial de verán e que só se admitirán as peticións de rapazas e rapaces empadroados en San Sadurniño.

No momento en que lles confirmen a praza, as familias deberán efectuar o pagamento dos 85€ que custa a estadía, na que se inclúen a mantenza, as actividades, o seguro e o transporte desde os lugares de saída e chegada.

Para obter máis información pódese contactar co técnico de Cultura no 616 332 919 ou enviarlle un correo ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Deja un comentario